Story Transcript
TEMA 2. “As vangardas” As vangardas en Galicia A principios de século XX prodúcese en Europa unha renovación na literatura e na arte, partindo da ruptura total coa tradición, creando unha nova natureza sen copiala. Esta nova concepción agrupábase en diferentes movementos denominados ismos ou vangardas (cubismo, futurismo, dadaísmo, surrealismo, creacionismo…) que se daban a coñecer por medio de manifestos. En canto a Galicia, as vangardas afloran en 1922 coa publicación do manifesto rupturista “¡Máis Alá!” firmado por Manuel Antonio e o artista plástico Álvaro Cebreiro no que se defende unha postura adanista, que renega do pasado e prescribe unha literatura completamente nova. Esta liña non será a predominante, posto que a maior parte dos autores do momento non estaban dispostos a romper coa escasa literatura galega do momento, debido ao descubrimento da lírica trobadoresca (neotrobadorismo) e a manter temas típicos como o da natureza. 2.1.
2.2. A “vangarda enxebre”: neotrobadorismo e hilozoísmo 2.2.1. Neotrobadorismo
Este ismo non se pode incluír nas vangardas xa que non rompe co pasado ao basearse na lírica medieval (cantigas de amor e de amigo). Utiliza recursos como o leixaprén. Aparece claramente identificado no libro “Cantiga nova que se chama riveira” de Álvaro Cunqueiro. 2.2.2. Hilozoísmo
Este ismo foi o que acadou maior éxito, denominado como a “verdadeira estética nacional para os máis novos”. Entre os autores que enfocaron a súa obra neste ismo, cabe destacar a Luís Amado Carballo coa súa obra “Proel” na que se aprecia unha natureza personificada, combinando elementos visuais e auditivos utilizando a metáfora como eixe estruturador. A “vangarda plena”: Manuel Antonio (creacionismo) Manuel Antonio, poeta rianxeiro, escribiu unha única obra, condicionada pola súa profesión de mariño mercante: “De catro a catro” Este libro poético está formado por dezanove poemas dispostos en forma de singular caderno de bitácora, onde o poeta foi deixando constancia da súa visión do mar. Porén non estamos diante dunha perspectiva tradicional: atento lector de teóricos vangardistas, Manuel Antonio interpreta a paisaxe dende unha óptica completamente nova. Mediante a supresión da secuencia espazo-temporal,o poeta procura na intelixencia/sentimento, entendida esta como a capacidade de penetración auténtica na cerna das cousas, para alén da deformación á que, xulga, nos someten os sentidos. A ilusión da viaxe deixa paso a un navío, a un tripulante que paira no mar como o faría un cosmonauta a aboiar na inmensidade do Cosmos. Máis alá de calquera pintura romántico-impresionista do mar e dos mariñeiros. De catro a catro describe un mar nunca visto por ninguén, un mar que vén a ser “unha illa de auga rodeada de ceo por todas partes”. Un mar sen ribeiras e no cal percibir o extravío e máis a desolación:. A influencia máis destacada na xénese e desenvolvemento de De catro a catro é a do creacionismo. A orixinalidade de Manuel Antonio atinxe tanto ao aspecto temático como á proposta lingüística: así rexistramos nos seus versos unha inagardada combinación de elementos procedentes do léxico náutico internacional, coa incorporación de anglicismos, a carón doutros que remiten ao galego mariñeiro da ría de Arousa. 2.3.